Manifestación provida.

                                 Manifestación provida.

Félix Caballero Wangüemert. Publicado en el Diario Luso-Galaico

O pasado 25 de marzo, a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) aprobou a Declaración sobre a Cualificación da Trata de Africanos Escravizados e a Escravitude Racializada de Africanos como o crime de lesa humanidade máis grave cometido xamais. A iniciativa, presentada por unha coalición de 60 países do sur global liderada por Ghana, obtivo 123 votos a favor, 52 abstencións e 3 sufraxios en contra. Opuxéronse EEUU, Israel e Arxentina, e abstivéronse os países da Unión Europea, Reino Unido, Canadá, Xapón e Suíza, entre outros.

A declaración pon de manifesto catro aspectos centrais. O primeiro, a condena da trata de escravos e a súa catalogación como o crime de lesa humanidade máis grave pola “súa magnitude, duración, carácter sistémico, brutalidade e consecuencias duradeiras”. O segundo, a necesidade dunha xustiza reparadora que vai alén dos aspectos económicos, pois inclúe a petición de desculpas, as garantías de non repetición e a restitución de bens culturais (aínda que haberá que ver se a declaración aprobada poderá dar lugar a reparacións significativas). O terceiro, o recoñecemento do carácter “xeralizado da trata de africanos escravizados”, é dicir, os impactos diferenciais que tivo en mulleres e nenas africanas. E o cuarto, a pervivencia das consecuencias da trata nas dinámicas globais actuais e nas poboacións africanas e afrodescendentes, en especial a través do “racismo estrutural, as desigualdades raciais, o subdesenvolvemento, a marxinación e as disparidades socioeconómicas”.

Á demanda de petición de perdón non tardou en responder o papa León XIV, quen, en maio, ofreceu na súa primeira encíclica, “Magnífica Humanitas”, unha desculpa histórica polo papel da Igrexa e da Santa Sede na lexitimación e na falta de condena histórica da trata transatlántica de escravos e do sufrimento do pobo africano.

O pontífice cualificou esta falta de condena no pasado como unha “ferida na memoria cristiá” e pediu perdón en nome da Igrexa polo desprazamento forzado e a humillación de millóns de africanos durante séculos. O texto admite que a institución relixiosa tardou demasiado tempo en recoñecer plenamente este flaxelo, lembrando que non foi ata finais do século XIX, co papa León XIII en 1888, cando se emitiu unha condena explícita.

La trata de esclavos es un crimen de lesa humanidad.

La trata de esclavos es un crimen de lesa                    humanidad.

Xaora que a trata e a escravitude dos africanos me parecen un crime de lesa humanidade, e ata hai unhas décadas tamén me parecían o máis grave cometido xamais. Pero témome que hoxe en día este primeiro posto tan horroroso corresponde máis ben ao aborto. Coido que isto que moitos chaman eufemisticamente a “interrupción voluntaria do embarazo” é o maior crime cometido ata agora pola humanidade e tamén o maior que poderá cometer nunca, porque reúne as dúas agravantes máis grandes que poidamos imaxinar: a vítima é o ser máis vulnerable e inocente que pode existir (o neno aínda non nacido) e o verdugo, a persoa encargada de coidalo, defendelo e amalo coma ninguén (a súa nai). A maiores, as cifras do aborto xa hai moito tempo que deixaron pequenas ás da escravitude dos africanos. Calcúlase que uns 15 millóns de persoas foron vítimas desta repugnante práctica, pero é que cada ano practícanse uns 73 millóns de abortos voluntarios en todo o mundo (170 dos 193 Estados membros da ONU permiten o aborto de maneira total ou parcial), o que equivale a preto de 200.000 diarios. Se temos en conta que o aborto se ten xeralizado des que en 1973 foi despenalizado nos EEUU, os abortos practicados ata o de agora en todo o planeta suman como mínimo centos de millóns e probablemente pasan dos mil.

É o peor de todo é que, mentres que a trata e a escravitude de seres humanos se considera, con razón, un crime de lesa humanidade, o aborto é tido por un dereito. Terrible.